CRTVG

Buscar

Empregar o teléfono móbil ou fumar: distraccións que están detrás do 25 % dos accidentes

Publicado o 16/09/2021 13:54

Un de cada catro accidentes de tráfico débese a unha distracción do condutor, na maioría dos casos por culpa do móbil. A Dirección Xeral de Tráfico comezou este mércores unha campaña específica de vixilancia destas distraccións ao volante. 

Empregar o teléfono móbil ou fumar están detrás do 25 por cento dos accidentes. Só en Galicia, no que vai de ano, houbo 900 sinistros derivados da falta de atención ao volante.

A campaña que acaba de comezar vixiará este tipo de condutas distraídas. Desde o aire, e a pé de estrada, nalgúns casos con vehículos camuflados.

Daniel Vázquez de La Iglesia, sarxento de Tráfico da Garda Civil de Ourense, di que "sempre é máis indirecta, para o condutor. El desenvolve a condución normal, habitual, e nós estamos observando".

Unha vixilancia ben recibida por parte dos condutores, que a consideran unha cuestión de seguridade.

Tamén cómpre ter en conta as sancións, de 80 euros a 200 e mesmo perda de puntos do carné. "Unha sanción de 80 euros por comer, beber, ler un papel... ata 200 euros e puntos por usar o móbil", explica o sarxento da Garda Civil.

A campaña, que se prolongará ata o mércores da semana que vén, vaise desenvolver simultaneamente en estradas de toda Europa.

Noticias web

16/09/2021