CRTVG

Buscar

A DXT reforza os controis nun verán en que prevé 91 millóns de desprazamentos

Publicado o 28/06/2021 14:44

A campaña especial de tráfico deste verán, que comeza o venres, contará con 28 novos drons e 16 radares fixos máis para controlar os 91,2 millóns de desprazamentos por estrada previstos. O reforzo responde a unha recuperación da mobilidade máis rápida da agardada.

Este domingo rexistrouse un incremento do 18,79 % respecto ao mesmo domingo do 2019 e este mes de xuño houbo xa catro días con máis tráfico de longo percorrido que a mesma xornada de hai dous anos.

Os datos facilitounos o ministro do Interior nunha conferencia de prensa en que presentou a campaña estival da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Fernando Grande-Marlaska pediu non baixar a garda para que "esas ganas que temos todos dunhas merecidas vacacións non se estrelen nas estradas por unha imprudencia".

"Non o estragues" é o lema da campaña deste ano, en que se vai reforzar a vixilancia da velocidade e dos desprazamentos en moto pero, sobre todo, os controis de alcol e drogas.

Marlaska, que estivo acompañado polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro, entre outras autoridades, insistiu en que non se trata dun verán máis despois dun longo inverno de confinamento e restricións. "Hai que ser máis precavidos ca nunca", advertiu.

A rápida recuperación da mobilidade permítelle á DXT prever 91,2 millóns de desprazamentos durante este verán, os mesmos que no período estival de 2019.

Para tentar garantir a seguridade, Tráfico vai contar con 780 radares fixos de control da velocidade (16 máis que o pasado verán), 92 deles de tramo; 545 radares móbiles, dous helicópteros, 216 cámaras de control de cinto e de teléfonos móbiles e 39 drons, dos que 23 teñen capacidade de denuncia e 28 son novos.

Campaña en catro fases

A campaña desenvólvese en catro fases. A primeira comezará o venres 2 de xullo e prolongarase ata o 4 de xullo; a segunda, irá do venres 30 de xullo ao domingo 1 de agosto; a terceira, do 13 ao 15 de agosto, coincidindo o cambio de quincena con numerosas festas patronais en todo o país; e a última, do 27 ao 30 de agosto, cando peche o operativo especial.

O ministro insistiu en pedir responsabilidade a todo o mundo, xa que en xuño faleceron 110 persoas nas estradas, 64 máis que no 2020 (un ano atípico pola pandemia), pero 40 máis que no 2019. Uns "sinais de alarma moi preocupantes que temos que atallar canto antes", subliñou.

Viaxes en moto

Lembrou que todos os modos de desprazamento reduciron a súa sinistralidade menos os que se producen en moto, uns accidentes que de xeito persistente aumentan cada ano o número de vítimas mortais: 117 no que vai de ano.

A DXT sinalizou os 100 tramos de maior risco para motoristas, onde a Garda Civil vai intensificar o control.

Tamén preocupan as viaxes curtas por estradas secundarias, onde se producen o 75 % dos accidentes, polo que Marlaska pediu extremar a prudencia e non confiarse nestes desprazamentos.

Alcol e uso do cinto

Tras lembrar que o verán é tempo de festas, celebracións e encontros coa familia e as amizades, das que "estivemos afastados" pola pandemia, Marlaska lamentou que esas citas "desgraciadamente" van acompañadas de alcol. Neste sentido, salientou que no 2019 se impuxeron 48.000 condenas xudiciais con altas taxas de alcol.

O titular de Interior recalcou que é responsabilidade da persoa que bebe non coller o volante pero tamén das persoas que a acompañan. Incidiu no protagonismo que adquiriu o uso do móbil mentres se conduce, unha práctica que Tráfico vai combater con todos os medios ao seu alcance.

Ademais, non usar o cinto é outra das causas de maior sinistralidade: unha de cada 4 vítimas mortais en turismo ou furgoneta non o levaba posto, subliñou.

Noticias web

28/06/2021