CRTVG

Buscar

A DXT publica un vídeo con dez infraccións que nos poden estragar o verán

Publicado o 20/08/2021 16:38

Pouca precaución tiveron estes condutores: a 140 mentres miran para o móbil, adiantando en liña continua ou con menores de copiloto e sen cinto de seguridade. Son algúns lamentables exemplos que a Dirección Xeral de Tráfico acaba de recompilar nun vídeo titulado: dez imprudencias ao volante que poden estragar o verán. 

Adianta sen respectar a distancia de seguridade. Así comeza a DXT a listaxe de imprudencias. No vídeo pódese ver como se arrisca a unha colisión frontal un camión que circula por unha estrada convencional. Chaman a atención barbaridades como as protagonizadas por un par de ciclistas circulando en dirección contraria.

Outro coche leva un menor de copiloto e, ademais, sen cinto de seguridade. Outro dos exemplos é unha manobra que non precisa comentarios: un cambio de sentido indebido.

Uns motoristas practican unha condución temeraria ignorando a liña continua. Outro caso que tampouco precisa comentarios: conduce a 140, fuma e mira para o móbil. O vídeo remata con dúas infraccións moi comúns: saltar un stop e non respectar o ceda ao paso. 

Dez xeitos cos que a DXT nos mostra como podemos estragar un verán.

Noticias web

20/08/2021