A DXT activa un dispositivo especial coincidindo coa operación retorno
Nas próximas horas os desprazamentos polas estradas galegas aumentarán coincidindo coa operación retorno da Semana Santa. Polo momento o tráfico é fluído, agás en zonas puntuais, como Padrón polas súas festas. Xa polo serán os puntos máis conflitivos espéranse nas vías de maior capacidade cara ás cidades, e nas principais estradas nacionais.
Ademais, este ano o bo tempo está animando a moitos condutores a achegarse ás localidades con celebracións festivas así como ás zonas do litoral, o que podería dificultar o tránsito cara á tardiña e primeiras horas da noite.
A Dirección Xeral de Tráfico ten activo un dispostivo especial de vixilancia, que se intensificará nas vindeiras horas. A DXT insiste en extremar as precaucións, especialmente nas viaxes curtas. Dende o venres ata onte, vinte persoas faleceron en accidentes na estrada.