CRTVG

Buscar

A DXT aconsella adiantar os desprazamentos ao sábado ante a chegada de "Gloria"

Publicado o 18/01/2020 09:47

• A borrasca pon en alerta o Mediterráneo por vento forte, chuvia e neve

A Dirección Xeral de Tráfico aconsellou adiantar ao sábado o regreso da fin de semana para evitar posibles incidencias que se poidan producir na estrada ante a chegada da borrasca Gloria, segundo informou a institución. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) advertiu de que a borrasca Gloria virá acompañada de fortes ventos, choiva e neve e que afectará á península, especialmente á zona mediterránea e do leste de Castela-A Mancha.

Estes fenómenos meteorolóxicos poden afectar á circulación por estrada. Os fenómenos meteorolóxicos máis adversos espéranse para o domingo e o luns, polo que a DXT destacou que "é importante planificar os desprazamentos". Ademais das vías comarcais e locais que poidan verse afectadas por este fenómeno, tamén poderían presentar complicacións as vías de alta capacidade autovías e autoestradas.

No caso de que os desprazamentos que se teñan que facer transcorran por algunha das vías incluídas nas zonas con aviso por nevadas, as condicións da viaxe poden verse afectadas por posibles actuacións na vía co fin de garantir a fluidez e a seguridade viaria en todo momento. En concreto, é posible que nas estradas haxa restricións á circulación de vehículos pesados; restricións á circulación a outros vehículos que non conten con pneumáticos de inverno ou cadeas; limitación da velocidade de circulación e prohibición de adiantamentos; cortes totais preventivos e embolsamentos; e seguimento obrigatorio de desvíos alternativos.

Ante o temporal, Tráfico recomenda que se "extreme a precaución" cando se circule polas áreas e vías afectadas por esta previsión, así como dispoñer dos medios e equipamento adecuado para transitar en condicións de seguridade. Os usuarios da vía deben prestar atención á sinalización nos paneis de mensaxe variable e ás indicacións dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Así mesmo, a DXT lembrou que para permitir o paso de vehículos de conservación de estradas e quitaneves "é moi importante que se circule en convoi e se deixe libre o carril esquerdo". Tráfico informará da situación da circulación a través dos medios de comunicación, en especial nos boletíns informativos de radio, redes sociais, na súa páxina web e no teléfono 011.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí