A dor lumbar é a máis común das molestias de costas
Mañá celébrase o Día Mundial da Columna Vertebral. Unha xornada para concienciar da importancia do coidado do lombo para gozar dun bo estado de saúde.
A dor de lombo é o tipo de dor de maior predominio a nivel mundial. Calcúlase que 1000 millóns de persoas en todo o mundo sofren molestias ou dor nas costas.
A dor lumbar é a máis común. Entre os máis novos, os estudantes son os que presentan maiores molestias debidas a cargas ou malos hábitos nas posturas. O mesmo ocorre no eido laboral coas persoas traballadoras.
Como quiropráctico Guillaume trata problemas relacionados coas articulacións e a columna vertebral. Unha profesión, a quiropráctica, que en España non está considerada sanitaria, pero si noutros países europeos como Francia onde el se formou. Para evitar dores de lombo aconsella practicar exercicio físico sobre todo a medida que se cumpren anos.
A columna vertebral é a estrutura encargada de recubrir e protexer tanto a medula espinal como o sistema nervioso. De aí a importancia do seu coidado para gozar de boa saúde e benestar.