CRTVG

Buscar

A documentación do Vello Camiño de Santiago está preto de concluír

Publicado o 25/06/2020 11:44

A capela do Carme da Ermida, no concello de Tordoia, é un dos puntos de referencia do chamado Vello Camiño de Santiago. Unha vía da que lograron documentación de peregrinaxe do ano 990, segundo o impulsor do proxecto para o recoñecemento desta ruta.

Manuel Chouciño Pardo Impulsor das pescudas sobre o Camiño Vello a Santiago: "Aquí conservamos un hospital de peregrinos tal e como estaba. Son dúas habitacións. Aquí está enteiro. Está aí.

Primeiro foi hospital de peregrinos, logo pasou a ser convento carmelita, tamén hospital de peregrinos e logo parada e fonda dunha taberna documentada no século XVII que tamén era parada e fonda de peregrinos. Temos un camiño antiquísimo, con espazos naturais fantásticos e case todo conservado".

O Vello entra en Santiago, precisamente, pola Peregrina.

"Temos tres ramas deste Camiño.", prosegue Chouciño,  "Unha vén de Malpica, outra da Coruña e outra desde Ferrol-Betanzos, sobre todo Betanzos.

Xúntanse todos na igrexa de Rodís, en Cerdeda, e a partir de aí fan todo o recorrido ata Santiago. Co Camiño Inglés comparte ata Abegondo, onde está a bifurcación. Entramos en Carral, de onde pasa ás Encrobas, que é xa concello de Cerceda. Logo Tordoia, Trazo e Santiago de Compostela".

Manuel Chouciño destaca o valor ambiental desta ruta e di que levan máis dun ano de recompilación de datos en distintos arquivos. O obxectivo é lograr o aval oficial deste Camiño para o ano santo: "O camiño noso conserva case o 80 por cento da ruta orixinal. Ten unhas paisaxes espectaculares. E despois, os santuarios. todos os que temos, e moita historia.  A ver se polo menos a declaración eclesiástica da autentificación deste Camiño chega neste ano. Estamos a traballar rápido para iso e podemos estrear para o 22, que parecere que solicitaron a prórroga e é fácil que concedan tamén o 22 como Xacobeo".

Conseguir o recoñecemento do Vello é unha das tarefas a que se meteu este cura con parroquias en Cerceda e Tordoia no seu obxectivo de valorizar e compartir o patrimonio cultural e natural da zona.

Noticias web

25/06/2020