A disposición xudicial os detidos por afundir un barco con 3 toneladas de cocaína
Esta mañá pasaron a disposición xudicial en Pontevedra os nove tripulantes dun mercante detidos en mar aberto con 3.000 quilos de cocaína a bordo. Declaran por videoconferencia, xa que é a Audiencia Nacional a que instrúe o caso. Cando foron sorprendidos polos axentes, os detidos afundiron o barco, nun intento frustrado de ocultar a droga.
En plena noite e en mar aberto, a 90 millas da costa de Ribadeo, culminouse a primeira grande operación do ano contra o narcotráfico.
Garda Civil, Policía Nacional e a Axencia Tributaria levaban desde maio do ano pasado tras a pista dunha organización criminal asentada no Salnés. Descubriron que ían transportar un cargamento de droga desde América do Sur. Fixérono a bordo deste mercante de 52 metros de eslora e bandeira da república de Palau, o NEHIR, de onde tiñan previsto recoller a droga en embarcacións máis pequenas para trasladala a costa. Levaban 3.000 quilos de cocaína que trataron de facer desaparecer cando os abordaron os axentes.
Abriron unha vía de auga que fundiu completamente o barco en dúas horas. Os axentes lograron rescatar a droga e a tripulación que regresou a terra a bordo deste buque da Armada Española. Son nove detidos de nacionalidades turca e xeorxiana. A operación segue aberta. Faltan os destinatarios da droga.