CRTVG

Buscar

Ante o xuíz os acusados de agredir sexualmente dúas mozas en Benidorm

Publicado o 08/08/2019 20:53

Esta mañá pasaron a disposición xudicial os cinco mozos acusados de agredir sexualmente unha rapaza de 20 anos, no caso que xa se bautizou como o da 'Manada de Benidorm'. Onte á tarde a Garda Civil rexistaba o apartamento onde supostamente tivo lugar o abuso, un feito que os detidos, de nacionalidade francesa, negaron.

En furgón policial chegaron os cinco mozos acusados de agresión sexual ao xulgado para tomarlles declaración. Os cinco, de entre 18 e 19 anos e de nacionalidade francesa, pasaban uns días de lecer en Benidorm, localidade onde coñeceron a vítima, de 20 anos e de nacionalidade norueguesa, a través das redes sociais.

Os feitos ocorreron na madrugada do luns, na vivenda en que estaban de vacacións os mozos. Alí produciuse a agresión sexual á moza, que foi ao piso acompañada dunha amiga. Esta última denunciaba tamén esta mañá que foi vítima de abusos. Na súa denuncia ante a Garda Civil, as dúas facilitaron os datos e fotografías dos perfís das redes sociais dos presuntos autores, que foron detidos este mércores, pouco antes de que emprendesen o regreso a Francia despois das súas vacacións.

Os mozos foron asistidos nun primeiro momento por un avogado de oficio, aínda que un deles ten desde hoxe un letrado contratado pola súa familia.

Na súa defensa negaron os feitos e aseguraron que mesmo lles pediron ás dúas mozas un taxi para que as levase de volta á súa vivenda de vacacións. No rexistro do piso onde supostamente se produciu a agresión sexual, os axentes da Garda Civil buscaban na xornada de onte probas que axuden a esclarecer o que aconteceu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019