CRTVG

Buscar

En liberdade sen fianza a muller que lle prendeu lume á casa cos pais dentro

Publicado o 31/07/2019 18:14

Libertade sen fianza para a muller de Cambados que lle prendeu lume á casa mentres os pais durmían. Iso si. Terá que pasar unha revisión psiquiátrica e tomar tratamento, se fose preciso. A muller está investigada por dous delitos de homicidio en grao de tentativa.

Prendeulle lume á casa para matar os pais. Así llo contou á garda civil cando se foi entregar. E este mércores volveu relatar os feitos nun xulgado de Cambados. Agora, esta muller está investigada por dous delitos de homicidio en grao de tentativa. Pero o fiscal non pediu cárcere para ela. Poderá quedar libre sempre e cando pase unha revisión psiquiátrica e tome o tratamento que precisa.

Mentres tanto, seus pais pasan estes días nunha residencia para maiores de Cambados. Coas festas do Albariño os hoteis da vila están cheos. Así que o concello optou por esta solución temporal. Despois, chegará o momento de atoparlles un fogar no que poidan reinstalarse.

O lume comezou en dous puntos distintos da casa e foi devastador. De feito, os bombeiros pasaron 12 horas traballando no lugar. Primeiro, apagando un lume que parecía non ter fin. E despois, apontoando a casa para que non se veña abaixo.

A estrutura da vivenda quedou moi danada. De feito, dende o concello din que é moi probable que teñan que derrubala. A zona está agora precintada e acordoada para que ningunha persoa corra riscos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/07/2019