CRTVG

Buscar

A dirección dun instituto de Vilagarcía pide axuda ao alumnado para atopar a quen raia coches na zona

Publicado o 28/11/2019 14:41

A policía visita estes días con maior frecuencia os arredores do IES Bouza Brey. Non é a primeira vez que pasa, pero este último episodio de vandalismo colmou a paciencia da comunidade educativa. Seis coches aparcados na zona exterior do centro apareceron esta semana raiados.

O director do instituto, Jesús de Andrés, explica que apareceron a media mañá uns cantos vehículos e despois varios máis, "e raiados con inquina".

Desta vez, todos os vehículos afectados estaban fóra do recinto escolar, pero noutras ocasións as raiadas fixéronselles a coches estacionados dentro, é dicir, tanto coches de alumnos coma de profesores.

Un estudante explica que son falcatruadas feitas ao azar, sen criterio, indiscriminadamente e non contra un profesor en concreto. De feito, hai alumnos afectados, e algúns deles xa aparcan desde hai uns días noutra zona para evitar que lles danen o seu vehículo.

Ante esta situación, a dirección do centro remitiu unha circular á comunidade educativa en que pide a súa colaboración e anima os afectados a denunciar. Tanto o director como gran parte do estudantado, cren que é alguén do centro.

Di De Andrés que "que sexa alguén de dentro é máis doado porque ten maior acceso ás instalacións", unha opinión que corroboran tamén os alumnos da formación profesional, que cren que "é vandalismo xuvenil". "Non ten xustificación ningunha", insiste o director, polo que pide axuda para dar coa autoría "e que se faga cargo dos danos".

O IES Bouza Brey imparte estudos da ESO, bacharelato e varios ciclos de Formación Profesional e conta cuns 600 alumnos.

Noticias web

28/11/2019