CRTVG

Buscar

Errejón insiste en que nin marcha de Podemos nin ninguén o botou

Publicado o 19/01/2019 11:22

A voceira de Podemos non Congreso, Irene Montero di que non van expulsar a Íñigo Errejon porque el xa se foi, enganando e dinamitando pontes, asegura. E descarta calquera pacto co novo partido Más Madrid co que Errejón concorrerá ás eleccións autonómicas. E Pablo Echenique pídelle que deixe tamén o escano no Congreso.

 "Eu se fose el dimitiría. Se te presentas por un partido e ocupas un escano que obtiveches presentándote por outro partido como Podemos eu creo que o coherente é deixar o escano. Tamén é verdade que de algo ten que vivir Íñigo Errejón ata maio", dixo o Secretario de Organización.

Pero Errejón insiste en que nin marcha de Podemos nin ninguén o botou e que segue sendo o candidato do partido que axudou a fundar aínda que se presente ás eleccións con outras siglas

"Eu son o candidato de Podemos ás eleccións á Comunidade de Madrid e á vez vou concorrer da man de Manuela. En todo caso a min ninguén me comunicou nada. Se mo comunican... eu sempre traballei en Podemos, desde que non existía e así o vou seguir facendo", afirmou.

O secretario xeral de Podemos Galicia di que son días agridoces para o seu partido pero evitou entrar na confrontación. Confía en que o caso Errejón non afecte a formación de candidaturas de confluencia nas cidades galegas.

"Estou convencido de que continuaremos a senda de buscar espazos de maiorías. Non teño dúbidas", asegurou Gómez-Reino.
 

Noticias web

19/01/2019