CRTVG

Buscar

A dirección da empresa que ardeu en Narón reúnese hoxe cos traballadores

Publicado o 27/01/2020 10:28

Arderon tres mil metros cadrados. Gran parte da estrutura da nave sucumbiu ante a virulencia do lume, que xerou unha columna escura de fume tóxico visible desde puntos de toda a comarca. Os bombeiros necesitaron catorce horas para controlar e sufocar as lapas que destruíron esta empresa dedicada á fabricación de bolsas de papel e de plástico.

O incendio xa está definitivamente extinguido, pero os traballos non concluíron. Quedan pendentes labores de prevención para protexer o medio ambiente.

Carlos Castro, oficial xefe de intervención dos Bombeiros de Narón: "A previsión do tempo no día de hoxe é estable, pero mañá comeza a chover e podemos ter problemas coa auga de escorrentía que vai producir a propia chuvia".

O incendio non deixou danos persoais. Os traballadores evacuaron as instalacións en cinco minutos. Durante varias horas os bombeiros centraron todos os esforzos en evitar que o lume chegase á nave veciña.

Carlos Castro, oficial xefe de intervención dos Bombeiros de Narón: "A xente non entendía moi ben que nos centrásemos na nave que non estaba ardendo, pero realmente desde un punto de vista técnico ese tiña que ser o obxectivo".

Máis de sesenta persoas traballan nesta empresa. A dirección da compañía reúnese hoxe con elas para abordar as súas posibilidades de futuro.

Noticias web

27/01/2020