CRTVG

Buscar

A UE discute a situación en Siria e as súas relacións con Rusia e Irán

Publicado o 16/04/2018 15:24

Os ministros europeos de Exteriores reuníronse este luns en Luxemburgo para discutir a situación en Siria e as súas relacións con Rusia e Irán, dous dos países claves na pacificación do país.  Recalcan por unanimidade que o uso de armas químicas por parte de Siria é inaceptable, pero falta por ver se acaban impoñéndolles sancións a Moscova e Teherán polo seu apoio ao réxime de Bashar al-Asad, como ten previsto facer Washington.

Tras o ataque estadounidense contra siria apoiado polo Reino Unido e Francia, os líderes occidentais buscan agora enfatizar a vía diplomática.Reunidos en Luxemburgo, os ministros de Exteriores da Unión Europea, aseguran que entenden o ataque contra as instalacións de armas químicas exclusivamente como unha medida para previr que Bashar al Asad as volva usar contra o seu pobo. E aínda que a ofensiva tamén era unha mensaxe clara a Rusia e Irán polo seu apoio ao réxime sirio, non parece probable que desta xuntanza saian novas sancións contra os dous países como as que se prevé que anuncie hoxe Washington.

Os 28 cren que a crise siria precisa dunha solución negociada que implique todos os poderes presentes na rexión.

"Chamamos en particular a Rusia e Irán para que exerzan a súa influencia en Damasco para comenzar unha discusión seria baixo os auspicios da ONU", declarou a xefa da diplomacia europea, Federica Mogherini.

Desa mesa de negociación xa se exclúe a Bashar al Asad porque como asegurou o ministro alemán de Exteriores: "Ninguén poden imaxinar que alguén que usa armas químicas contra a súa xente, poida ser parte da solución".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2018