CRTVG

Buscar

A diplomacia española tenta restablecer as relacións con Marrocos

Publicado o 03/06/2021 15:29

Calma tensa entre Marrocos e España tras abandonar o noso país o líder do Polisario, que agora está nun hospital de Alxeria. O Goberno alauí nin se pronunciou sobre a saída de Ibrahim Ghali nin devolveu aínda a súa embaixadora a Madrid.

O ministro do Interior pide deixar á diplomacia facer "o traballo concreto, necesario e preciso que requiren as circunstancias, e que se está facendo". Fernando Grande-Marlaska asegura que a cooperación con Marrocos en materias como a pesca, o terrorismo ou o crime organizado non se viu afectada por esta crise diplomática, con epicentro en Ceuta.

Ata a cidade autónoma desprazouse hoxe o líder do PP. Pablo Casado téndelle a man ao Goberno e asegura que o seu partido "foi máis leal co Goberno de Sánchez que varios dos seus ministros".  Na súa opinión, "esta mesma semana, houbo ministras de Sánchez que non están remando a favor dunha posición de Estado na situación que vive Ceuta". Respondeulle a vicepresidenta Carmen Calvo, afirmando que "a política exterior de España é do Goberno, exclusivamente do Goberno".

Mentres tanto, en Ceuta, varias ONG denuncian as malas condicións en que se custodian os case mil menores que entraron hai dúas semanas. 75 están en corentena tras dar positivo en covid. 14 deles escaparon, pero foron interceptados axiña pola policía. Outro tentou fuxir polo teito da nave industrial, pero caeu ao chan e atópase en estado grave.

Noticias web

03/06/2021