CRTVG

Buscar

A dimisión de Ramón Espinar agrava a crise de Podemos en Madrid

Publicado o 25/01/2019 19:40

Agrándase a crise en Podemos. Ramón Espinar, o número un na Comunidade de Madrid e home de confianza de Pablo Iglesias, dimite de todos os seus cargos no partido. Faino unha semana despois da marcha de Errejón, e a tan só catro meses das eleccións municipais e autonómicas en Madrid. Pablo Iglesias convocou a dirección estatal de Podemos a unha reunión extraordinaria o próximo sábado. 

Renuncia á Secretaría Xeral de Podemos en Madrid, á súa acta de deputado no Parlamento autonómico e ao seu escano no Senado, onde era o portavoz de Unidos Podemos. Ramón Espinar comunicou a súa dimisión a través do Twitter. Argumenta que se vai porque "non se dan as condicións para levar o proxecto de Podemos en Madrid cara a onde el cre que debe ir".

Fontes do partido relacionan a súa marcha coa decisión de Errejón de presentarse ás eleccións baixo a marca de Más Madrid, a de Manuela Carmena. Explican que Espinar non comparte a intención da dirección estatal de presentar unha lista alternativa á de Errejón nas autonómicas, e que aposta máis polo diálogo con el.

A Executiva de Podemos convocou unha reunión extraordinaira o próximo 2 de febreiro para analizar a situación tras a dimisión do que ata agora era un home de confianza de Pablo Iglesias. Este venres, 10 dos 17 secretarios autonómicos da formación lanzáronlle unha mensaxe clara á dirección do partido.

José García Molina, secretario xeral de Podemos en Castela A Mancha: "A mensaxe a todo Podemos é unha mensaxe de unidade e de responsabilidade. Creo que a nosa xente quere que esteamos unidos, organizados e coas ideas moi claras"

Os dez líderes autonómicos recoñecen que Podemos pasa por un momento crítico, ao que din, só cabe responder desde a unidade.
 

Noticias web

25/01/2019