CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A dimisión da ministra de Sanidade foi a terceira no Goberno de Pedro Sánchez

Publicado o 12/09/2018 14:43

A da ministra de Sanidade de onte foi a terceira dimisión no Goberno de Pedro Sánchez nos pouco máis de tres meses que leva na Moncloa. Primeiro foi Màxim Huerta o que dimitiu como ministro de Cultura, apenas seis días despois de tomar posesión e tras se publicar que fora condenado por fraude fiscal. O pasado tres de setembro seguía os seus pasos a directora xeral de Traballo, que días antes autorizara a creación dun sindicato de traballadoras sexuais. E onte, Carmen Montón, coa presión por un incesante goteo informativo sobre supostas irregularidades do seu máster, anunciaba a súa renuncia pasadas as nove da noite. Fíxoo proclamando unha vez máis a súa inocencia, sacando peito polo labor desenvolvido na súa etapa á fronte do Ministerio e asegurando que coa súa marcha pretendía tan só evitar causar calquera prexuízo ao resto do Executivo de Sánchez.

A dimisión precipitouse despois de que transcendera un posible plaxio do traballo de fin de máster da ministra de Sanidade. Supostamente copiou textos doutros autores sen citalos. Foi o último. Antes diso transcenderan toda unha serie de irregularidades na consecución do máster: que o empezara tarde, que o fixera a distancia cando era presencial e que as notas se cambiaran meses despois de rematado o curso.

Foron 38 horas en que a Ministra insistiu na súa honestidade a atribuíu calquera ilegalidade á Universidade. E sempre intentou marcar distancias con outros casos investigados na Rey Juan Carlos como o de Cifuentes ou Casado. Cada hora que pasaba ían a máis as voces que pedían a súa dimisión. E a súa presencia no Consello de Ministros volveuse incompatible nun goberno que abandeirou o discurso de rexeneración democrática.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí