CRTVG

Buscar

A difícil deliberación do Caso Diana comezará o martes

Publicado o 22/11/2019 13:06

Unha vez conclúan as declaracións de testemuñas e expertos, o xurado terá que deliberar sobre se quedou demostrada cada proba presentada para acreditar os delitos de detención ilegal, violación e asasinato. O único que non está en dúbida é a autoría do crime, xa que Abuín confesou ser o autor da morte de Diana.

O luns, unha vez remate a vista coas conclusións da acusación e defensa, as nove persoas do xurado retiraranse a deliberar. Iso acontecerá o martes. Para iso estarán incomunicados, facendo as pausas que se consideren oportunas, xa que este proceso pode durar días. Para chegar a un veredicto teñen que argumentar de xeito razoado cada proba proposta por cada unha das partes e despois precisar se Abuín é culpable ou non de cada delito. As nove persoas do xurado necesitarán 7 votos para considerar unha proba condenatoria e 5 para que absolvan o acusado. O voto é obrigatorio. De absterse poderían ser condenados cunha multa duns 450 euros. No caso de Diana Quer a autoría está fóra de toda dúbida, xa que Enrique Abuín confesou ser o autor da morte. Despois hai luces e sombras que deberán clarexar en cada un dos cargos que lle imputa a fiscala.

Ante o delito de detención ilegal, se Abuín matou a moza na Pobra, como asegura, ese delito non é imputable xa que a persoa ten que estar viva.

No delito de violación, os enfrontamentos entre dous grupos de forenses, polas probas obtidas dun cadáver moi deteriorado despois de 500 días, deixou no aire a existencia da agresión sexual.

En canto ao asasinato, hai que demostrar varios puntos como son aleivosía, que é privar de defensa a vítima, asañamento que é causarlle dor innecesaria e facilitar a ocultación doutro delito que neste caso sería a violación. Na brida, suposta arma do crime, non hai pegadas.

Non hai un límite de tempo establecido para rematar as deliberacións. En casos con gran volume de declaracións e probas, como puido ser o de Asunta, o xurado tardou cinco días en acadar un veredicto e nove máis en ditar a sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/11/2019