A despedida do buque Cantabria en Ferrol estivo condicionada pola covid
En Ferrol celebrouse o acto de despedida do buque estratéxico Cantabria, que parte en misión coa frota da OTAN no Mediterráneo. A situación actual de pandemia tamén afecta ó estamento militar: condiciona a vida a bordo e os hábitos tanto da dotación como dos seus familiares.
Un acto castrense tradicional. Emotivo sempre para os militares e as familias. Pero ademais esta vez en certo modo cruel, como comentaban algúns dos presentes, porque a situación sanitaria impide esas últimas apertas.
Evitar a COVID a bordo é tarefa de mandos, dotación e familias.
Ángeles e o seu fillo Arturo despiden a Emilio dente terra e sen contacto físico. Atrás quedan xa días de vida corentenada.
O Cantabria leva unha dotación de 178 homes e mulleres, na súa meirande parte galegos.Foron despedidos polo acabado de nomear novo comandante da frota con base en Ferrol: as cinco F-100 e os dous buques loxísticos Patiño e Cantabria. O galego Gonzalo Leira debutou na esixente situación de pandemia actual. Precisamente o buque sufriu na súa anterior saída 13 casos de covid que deberon ser illados a bordo.
Gonzalo Leira, comandante da 31ª Escuadrilla de Superficie comenta que dos casos que tiveron neste barco só quedan cinco membros da dotación aínda sen a alta e que polo tanto quedaron en terra.
O buque de aprovisionamento de combate Cantabria (A-15) partiu rumbo a aguas do Mediterráneo para integrarse na Agrupación Naval Permanente da OTAN nº2 (SNMG-2), nesta ocasión baixo mando italiano.
O Cantabria permanecerá despregado ata outubro. Cando volverá cruzar entre castelos, de volta á casa, na Ría de Ferrol.