CRTVG

Buscar

A desmontaxe da cheminea da central térmica de Sabón causa malestar entre os veciños

Publicado o 23/05/2019 14:39

A desmontaxe da cheminea da central térmica de Sabón, duns 240 metros de altura, está a causar malestar entre os veciños. Explican que o po que se desprende da torre, amais de causar sucidade, xa estragou a chapa de varios vehículos e queimou parte dun horto. Amais temen que ese po afecte tamén a súa saúde. 

Esta é a cheminea da discordia. Malia que levan xa meses desmontándoa, os prexudicados din que cando comezaron as obras exteriores, comezaron tamén os danos.

"Contaminación, po, nas fachadas das casas... Aquí, no meu negocio, por exemplo, perda de clientes..."

Amais teñen medo a que o po que soltan as obras afecte a súa saúde.

"É que se queima os coches.... tamén causará danos na xente"

Din que a empresa responsable da desmontaxe se fixo cargo da limpeza dos coches nun primeiro momento, pero que despois xa nada volveron saber dela.

"Eu chamei a Afesa, que é a responsable, pero déronme largas e colgáronme o teléfono"

Xa presentaron varias denuncias, mesmo perante o Seprona. Así que agora agardan que nun curto prazo alguén lles achegue unha solución. Din que o tempo corre na súa contra porque cren que en catro meses as obras xa estarán rematadas e daquela será máis complicado reclamar os danos.
 

Noticias web

23/05/2019