CRTVG

Buscar

A deseucaliptización, algo máis ca unha palabra na Costa da Morte

Publicado o 18/04/2019 09:40

Un grupo de amigos de Corcubión e de Cee decidiu asociarse para presentar unha moción no consistorio. Aí naceu Boca de Sapo, asociacion ambiental e cultural que quere un Corcubión libre de eucaliptos. A finais de 2017, conseguían a declaración do concello que vai liberar de árbores invasoras alomenos os terreos municipais.

Co seu traballo, Boca de Sapo fai que a palabra "deseucaliptización" sexa verdadeiramente a palabra do ano na Costa da Morte porque outros concellos están a seguir o exemplo.

Corcubión foi o primeiro concello da Costa da Morte en declararse en 2017 concello libre de eucaliptos. Foi unha iniciativa da Asciación Medioambiental e Cultural Boca de Sapo que está a facela realidade na Finca Cambeiro, de titularidade municipal, onde están a eliminar eucaliptos e acacias. Canto a particulares, esta declaración só dita que se cumpra a Lei de montes en distancias a vivendas e camiños.

Di Francisco Santiago, da Asociación Boca de Sapo, que o fixeron porque se estaba perdendo por culpa das políticas de monocultivo que achicaron moito o espazo das leiras de labradío e tamén acabaron cas autóctonas. Ademais, asegura que no verán poden ser un perigo polos incendios forestais. 

Na Finca Cambeiro colaboraron os escolares para plantar carballos, oliveiras, rehabilitar un teixo caído ou podar castiñeiros que tiñan chupóns. Esta finca tiña era un bosque de acacias que foron talando no inverno ata despexar o terreo e logo prantar frondosas e froiteiras. A leña aproveitárona os veciños de Corcubión no inverno.

Esta declaración de intencións só inclúe os terreos municipais. Os cultivos de leiras privadas si poderían regularse se a erradicacion entrase no Programa Xeral de Ordenamento Municipal como fixeron en Sober, o primeiro concello en rexeitar o eucalipto vai xa para oito anos.

Francisco Santiago explica que o máis operativo sería deixar un tanto para labradío, outro tanto para pastos e outro para eucaliptos, o que daría pé para que novos emprendedores poidan facer negocios aquí cun souto de castiñeiros, recolleita de cogomelos, unha pequena gandería, e non marchen.

Unha vez conseguiu a declaración en Corcubión, a Asociación Boca de Sapo non quedou cos brazos cruzados. Falaron cos concellos limítrofes e Muros xa o vai aprobar, Carnota que xa o fixo e Fisterra farao, previsiblemente, no vindeiro pleno de abril, o que enche de orgullo os membros da asociación.

A rexeneración da Finca Cambeiro está practicamente terminada. Tras o inverno de traballo, apenas queda rarear algunhas acacias. Agora comeza o mantemento no que queren implicar cantos máis mellor nun albaroque que celebrará a recuperación, a modiño, do seu monte. 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/04/2019