A deputada Alexandra Fernández anuncia que deixa a primeira liña política

A deputada de En Marea e militante de Anova Alexandra Fernández anunciou que abandona a primeira liña política para retomar os seus estudos de Arquitectura. Fíxoo a través dunha mensaxe publicada na tarde deste xoves no seu perfil de Facebook.
Fernández figuraba nas quinielas para ocupar un posto destacado na candidatura do partido instrumental ás eleccións xerais do próximo 28 de abril, nas que En Marea, previsiblemente, concorrerá por separado de Anova, EU e Podemos.
"Despois dunha profunda reflexión, poño fin, pois, a unha etapa dura e intensa. Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional sería limitado. Neste tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso, sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volvo agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base", publicou Fernández na súa conta de Facebook.