A Deputación de Lugo inicia a repartición dos bonos para activar a economía local

A poboación residente na provincia de Lugo que presentara a correspondente solicitude empezará a recibir nos seus domicilios os bonos nominativos Impulso Lugo. Esta iniciativa, deseñada para reactivar a economía local tras a pandemia, ofrece descontos de 30 euros por compras superiores a 60 nos 700 locais comerciais e de hostalería que se adheriron ao programa.
Os bonos poderán solicitarse ata o día 15 de xullo, despois de que a Deputación ampliara o prazo, e as persoas beneficiarias terán ata o 31 de agosto para gastalos nos establecementos do municipio da provincia no que residan.
Na páxina web corporativa da Deputación de Lugo habilitouse un espazo en que todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas nalgún concello lucense poden pedir estas axudas. Concederanse por orde de inscrición e non se poderán utilizar para mercar bebidas alcohólicas, tabaco ou lotarías.
Cun investimento de 510.000 euros, a Deputación agarda mobilizar con este programa máis de 1,5 millóns de euros nos negocios de Lugo.