A Deputación de Lugo defenderá o topónimo da ría de Ribadeo

A Deputación de Lugo presentará alegacións para apoiar o mantemento do nome oficial da ría de Ribadeo "no procedemento aberto polo Goberno do Estado para admitir o nome de ría do Eo", como reclama o Principado de Asturias.
Segundo informou a deputada polo BNG Mónica Freire, "a institución provincial presentará as alegacións acompañadas dun informe técnico, que recollerá a documentación e argumentación histórica e lingüística que avala o mantemento de ría de Ribadeo como topónimo oficial do estuario".
"A Deputación de Lugo non pode quedar ausente na defensa da nosa toponimia e do nome historicamente empregado polos habitantes de Galicia e Asturias, e de calquera outra latitude, para referirse ao estuario", dixo.
De feito, segundo recolle a proposta do Goberno provincial, "ría de Ribadeo foi o único termo empregado oralmente polos habitantes de ambas as dúas beiras da ría, ata que hai poucas décadas se introduciu un debate imposto e interesado que, en ningún momento, existiu na sociedade eonaviega".
Nunha moción que o Goberno local presentará este martes en pleno, o BNG alude á "abundante documentación que acredita a oficialidade da actual nomenclatura". Fai referencia a textos históricos como cartas do almirantazgo inglés, datadas no século XVI ou informes de natureza "técnica e científica, recollidos en cartografía hidrográfica, topográfica, atlas e publicacións xeográficas a nivel mundial".
Mónica Freire tamén pediu a implicación da Xunta de Galicia para que se manteña o actual topónimo da ría de Ribadeo.