A depuradora da Coruña analizará o coronavirus nas augas residuais
A investigación permitirá medir a concentración do virus nas feces e urina que chegan á depuradora.
"A verdade é que é o momento idóneo, porque nestes momentos estamos no pico da curva de contaxios e cando teoricamente hai maior carga viral e maior presenza nas nosas augas residuais", dixo Carlos Lamora, director xeral de Edar Bens SA.
Ás instalacións de Bens chegan as augas residuais das máis de 450.000 persoas que viven na Coruña e noutros catro concellos da contorna. Entre elas as xeradas polos catro centro hospitalarios da área sanitaria.
"Deste modo poderemos obter unha estimación moi real do estado da epidemia na nosa comarca. Esta metodoloxía vai recoller augas residuais de toda a poboación, de forma global, incluíndo pacientes asintomáticos e pacientes con síntomas.", asegurou a investigadora Margarita Poza, responsable do proxecto.
A investigación servirá para mellorar o tratamento das augas residuais para que cando se devolvan ao mar, unha vez depuradas, conteñan a menor cantidade de partículas virais. Tamén servirá para futuras pandemias.
"Que aínda que non haxa ningún indicador entre a poboación, pero monitorizando as augas residuais e vendo a súa carga viral, poder predicir que se está a producir esa nova pandemia", contou Carlos Lamora, director xeral de Edar Bens SA.
O estudo durará seis meses.