CRTVG

Buscar

Os viños das Rías Baixas, á conquista de Centroeuropa

Publicado o 28/09/2021 14:08

Importadores e adegueiros de Polonia, da República Checa e de Hungría están a descubrir ou coñecer máis a fondo os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha misión comercial inversa en colaboración coas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, que facilita así os encontros con 26 adegas para darlles a coñecer os seus viños. Dous días en que teñen tamén a posibilidade de visitar as adegas que máis lles interesen para coñecer en detalle todo o proceso de elaboración do viño.

Segundo Eva Mínguez, directora de Marketing da D.O. Rías Baixas, "son mercados en que polo de agora as exportacións son moi pequenas e apenas se coñecen os nosos viños, pero queremos comezar porque pensamos que temos recorrido, se ben é certo que en Polonia xa temos outra dimensión porque levamos anos traballando a promoción e temos algunhas adegas vendendo".

A Denominación de Orixe Rías Baixas apostou dende o principio pola internacionalización. O principal mercado son os Estados Unidos, seguido de preto polo Reino Unido, e así ata 65 países. Cada mercado é un mundo, pero os Rías Baixas pisan forte.

Como di Kristýna Krupková, da empresa Foltyn Wine da  República Checa, "non é unha cousa supercoñecida, pero como se consome moito viño fresco, seco e branco, ten moita lóxica introducir albariño, que xa se coñece pero realmente non é unha cousa en gran cantidade na República Checa aínda, pero penso que ten un potencial moi bo".

O húngaro Zsolt Szeredi, de Vinos Castillo, está "encantado coa calidade do viño, co sabor e a salinidade que ten, que é algo moi estraño para o gusto húngaro e que lles gusta, e por iso quero ter a maior oferta posible dos viños desta zona". 

A vendima nas Rías Baixas está a piques de rematar, e as previsións son moi optimistas. Dende o Consello Regulador falan de colleita histórica, tanto en cantidade como en calidade. Calculan que poden superar os 45 millóns de quilos de uva desta marca de calidade participada por 179 adegas.

Noticias web

28/09/2021