CRTVG

Buscar

A demora en publicar o decreto de paralización da industria non esencial causa incerteza e críticas entre os empresarios

Publicado o 30/03/2020 22:49

 

Para comprobar o alcance do decreto de paralización da industria non esencial basta con ir aos polígonos. Nos galegos, igual que no resto de España, a actividade é practicamente nula.
O decreto causou incerteza e críticas entre os empresarios por publicarse a última hora do domingo.

"Quen chama a un traballador ás doce da noite para dicirlle que veña a traballar", di o empresario José Fernández Alborés.

"É unha boa medida, unha medida que se necesitaba porque non hai que esquecer que estamos nunha crise sanitaria. O que non me encaixa moito é a maneira de facelo. Hai que comprender que unha industria non se pode pechar dun día para outro. Non se pode avisar a todos os traballadores dun domingo para un luns cando o texto definitivo sae ás once da noite", asegura Critina Segade de Galanas Construcciones Metálicas.

A mesma situación de incerteza dáse entre os que entenden que teñen que seguir abertos. É o caso das empresas relacionadas coa subministración a sectores esenciais coma o transporte. Piden que se recolla de xeito explicito se deben continuar ou non.

"Estamos a expensas de se sae algunha indicación do Ministerio de Sanidade que relacione con máis detalle as actividade esenciais, que sería o ideal", afirma o empresario Ramón Otero.

A patronal teme que esta medida ocasione unha destrución masiva do tecido empresarial e do emprego. Tamén os autónomos advirten das consecuencias catastróficas se non hai axudas urxentes. "Pedímoslle ao Goberno que non debe abandonar os autónomos, ten que apoialos e cambiar de rumbo. Apoie os autónomos se non quere máis ruina e máis peche de empresas", reclama Lorenzo Amor, presidente da Asociación de Traballadores Autónomos.

A ministra de Traballo explicou que a demora na publicación do decreto se debeu á complexidade técnica de especificar que empresas son esenciais e cales non. "Moitos sectores empresariais estaban preocupados por saber ata onde e como afectaba a medida. Eu aquí humildemente pido desculpas", di Yolanda Díaz, ministra de Traballo.

Noticias web

30/03/2020