CRTVG

Buscar

A comisión de expertos xa sospeitaba que o Pazo de Meirás se vendera dúas veces

Publicado o 13/07/2019 12:06

A demanda do Estado contra a familia Franco para recuperar o Pazo de Meirás foi a proposta defendida pola comisión de expertos impulsada polo Parlamento galego hai un ano e tamén pola Deputación da Coruña. Despois de estudar a situación xurídica do inmoble, xa sospeitaban que se vendera dúas veces.

A demanda da Avogacía do Estado baséase nunha acta notarial. Confirmaría que a propiedade se mercou cunha colecta popular forzosa en 1938 para cederlla ao ditador en calidade de xefe do Estado. Foi tres anos antes de que el a mercara a título individual nun contrato que sería fraudulento.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas, que presidiu a comisión de expertos auspiciada desde o parlamento de Galicia explica que "demostraría que o ditador Francisco Franco, na segunda compra simulada, en 1941, incorreu en falsidade documental. Podía ser, ou ben evitar que o pazo de Meirás revertese en propiedade do patrimonio nacional e ficase como propiedade privada súa, ou ben para acadar o que se chama protección rexistral"

As comisións de expertos promovidas polo Parlamento galego e a Deputación da Coruña sospeitaban deste documento pero non o atoparan. Abriron outras liñas de argumentación xurídica que tamén recolle a demanda. Núñez Seixas di que "o que sabemos é que o pazo de Meirás desenvolveu funcións públicas durante máis de trinta anos e ademais foi mantido con cargo a fondos públicos"


O concello de Sada quere presentarse como parte no proceso. Tamén a Xunta de Galicia ve factible sumarse á causa.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/07/2019