CRTVG

Buscar

A demanda colectiva contra Audasa suma dúas asociacións de consumidores

Publicado o 11/04/2019 15:14

O cobro das peaxes na AP-9 durante as obras de ampliación na ponte de Rande levarán a Audasa aos tribunais. Un xuíz activou a causa, en que hai presentadas dúas asociacións de consumidores.

Foron tres anos de obras... e de atascos, que se recollen na demanda colectiva da fiscalía admitida a trámite por un xulgado de Vigo. O prazo para sumarse a ela rematou e, canda varios poarticulares, personáronse na causa dúas asociacións de consumidores. Piden responsabilidade a Audasa por un "cobro abusivo" das peaxes durante os traballos na ponte de Rande.

"Se a autoestrada nos dá un mal servizo, non nos pode cobrar. Iso é o que esiximos. É un tema de xustiza. É un servizo necesario e nese período de tempo sufrimos atrasos dunha hora, hora e media...", explica Diego Maraña, presidente da asociación de consumidores EN-COLECTIVO.

O procedemento será longo e pódese esperar á sentenza para reclamar os cartos. Con todo, as asociacións advirten da importancia de sumar na súa demanda colectiva.

"Ir indicando que imos tendo forza porque no momento do xuízo, se en vez de ser cen, somos vinte mil, o xulgado vai ter en conta de qué xeito afcetou isto os cidadáns", engade Diego Maraña.

Pasa sumarse á demanda, os afectados teñen que poder demostrar o pagamento das peaxes entre febreiro de 2015 e xuño de 2018.

Noticias web

11/04/2019