CRTVG

Buscar

Dimite a delegada da Xunta en Pontevedra, condenada canda Louzán a dous anos de cadea

Publicado o 05/02/2021 20:06

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presentou a súa renuncia ao cargo que ostenta despois de ser condenada a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude e anunciou que recorrerá a sentenza para defender a súa "honorabilidade" e "o seu proceder" durante a súa etapa como alcaldesa de Moraña.

Así o manifestou este venres nunha comparecencia que tivo lugar na sede provincial do PP en Pontevedra horas despois de que se fixese pública a resolución do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra. Así, Piñeiro, que se deu de baixa do partido, incidiu en que a sentenza non é firme e mostrouse "sorprendida" ante a mesma, pero decidiu renunciar ao seu cargo para "non prexudicar ás institucións que representa".

En concreto, a maxistrada considerou probado que Piñeiro e o expresidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán cometeron irregularidades para outorgar 86.311 euros a unha construtora para compensala por un sobrecusto nas obras do campo de fútbol de Moraña, localidade da que a primeira fose rexedora.

Por iso, a sentenza relativa ao xuízo que tivo lugar o pasado mes de novembro de 2020 e que non é firme impuxo unha pena de dous anos de cárcere e oito de inhabilitación para emprego ou cargo público á exalcaldesa de Moraña como cooperadora necesaria do delito de prevaricación e autora dun delito de fraude.