CRTVG

Buscar

Un operativo policial vixía as entradas e saídas ás principais cidades galegas

Publicado o 30/10/2020 15:50

Ás tres da tarde de hoxe quedaron pechadas as sete grandes cidades galegas e algúns municipios lindeiros a elas.

Xa hai controis por estrada para garantir que se cumpre a restrición de mobilidade. Os axentes están xa vixiando que ninguén sae da capital de Galicia e o mesmo está acontecendo nas outras grandes cidades galegas.

Trátase de evitar o grande éxodo que tradicionalmente se provoca na celebración de Todos os Santos e previr así a propagación do virus. 

Da posta en marcha deste operativo de vixilancia informou este venres cando lle preguntaron respecto diso nunha conferencia de prensa o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que explicou que na mañá deste venres falou co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar esta cuestión.   

Segundo sinalou Losada, o operativo é similar aos xa postos en marcha en áreas con peches perimetrais como Ourense, Verín e O Carballiño e será posto en marcha co "menor dano ao tempo dos cidadáns", aos que pediu "comprensión e apoio".   

O delegado, que considerou que a maior complexidade se prevé nas horas de entrada e saída por motivos laborais, volveu apelar á responsabilidade individual e pediu aos galegos que manteñan a distancia e cumpran as ordes de evitar reunións.

Así mesmo, ao preguntarlle sobre as medidas postas en marcha pola Xunta, afirmou que, "ao contrario do que fai o PP", el opta por "evitar a crítica".

"O responsable é o presidente (Alberto Núñez Feijóo) e estou convencido de que as decisións que tome son as correctas e aí vai ter o apoio do Goberno de España", manifestou.   

Neste sentido, sinalou que se poñerá a Garda Civil e a Policía Nacional "ao servizo desta decisión". "O Goberno está na mesma liña desde o 14 de marzo, que é traballar unidos e evitar en todo momento a crítica", incidiu. 

Tras iso, mostrou o seu desexo de que as decisións que tome o presidente da Xunta sexan "boas" xa que, se así o son, "serán boas para todos os galegos".

Mentres, na estación de tren de Santiago, ás tres da tarde contábanse unha cinco ducias de persoas, a maioría estudantes, agardando polo tren.

Unha das razóns polas que o peche perimetral dos concellos se anunciou con tan pouca antelación foi precisamente evitar as estampidas.

A maioría dos estudantes teñen permiso para regresar aos seus domicilios, pero o conselleiro de Sanidade dirixiuse a eles esta mañá específicamente para que sexan responsables e queden en Santiago durante esta ponte de Todos os Santos.