CRTVG

Buscar

A defensa sostén a hipótese do suicidio no caso dos policías de Ourense

Publicado o 16/02/2018 14:26

 

Tamén continúa a investigación dos policías de Ourense. A xuíza encargada do caso volveu á comisaría para recoller mostras no maleteiro do vehículo dun dos axentes investigados pola morte doutro compañeiro. Case un mes despois das detencións dos policías xemelgos, a defensa insiste en que non hai probas de que fose un homicidio.

A Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil acaba de elaborar un informe en que explican aspectos da escena do crime que puideran ser compatibles coa presenza de terceiras persoas no momento do disparo. Tamén da situación do cadáver no momento do falecemento. A defensa dos policías investigados coida que o resultado é concluínte respecto a que a morte de Celso Blanco foi un suicidio.

Hai outros argumentos esgrimidos pola defensa: un que ninguén sabía que a vítima estaría ese día no seu despacho, outro, un informe do servizo de toxicoloxía que recolle que o ángulo e a distancia  do disparo son compatibles cun suicidio. Con todo, onte mesmo a xuíza acudía de novo á comisaría para practicar unha nova proba no coche dun dos policías investigados.                       

A acusación particular, que representa a familia do axente falecido e que rexeitou facer declaracións ante as cámaras, di que prefire agardar ao resultado das investigacións, e que os seus argumentos seguen a ser os mesmos que no momento da detención dos axentes.

Coidan que a morte de Celso Blanco, o axente falecido, non foi un suicidio e que todo conduce á intervención de terceiras persoas na súa morte. Pero que con todo haberá que agardar ao resultado das investigacións. Queda pendente por coñecer o que pode dar de si a descarga da información obtida en soportes informáticos que se obtiveron nas diversas entradas e rexistros.

A xuíza investígaos ademais de polo suposto homicidio deste compañeiro, polos presuntos delitos de roubo con forza, tenza ilícita de armas, revelación de segredos, inxurias e calumnias. Arestora están en liberdade. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2018