CRTVG

Buscar

A defensa do ex-presidente de Pescanova nega que De Dousa tapase a crise e responsabiliza os auditores

Publicado o 24/06/2020 19:48
A defensa do ex-presidente de Pescanova nega que De Dousa tapase a crise e responsabiliza os auditores

O avogado defensor do ex-presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, repartiu críticas entre o auditor BDO, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e accionistas como a familia Carceller, e subliñou que o seu cliente non sabía do alcance da débeda acumulada antes de facelo público. Así o argumentou o penalista Gonzalo Martínez-Fresneda durante a súa intervención este mércores nunha das últimas sesións do xuízo sobre o chamado caso Pescanova, que se retomou hoxe e espérase que quede visto para sentenza este venres.

"Díxose que en febreiro de 2013 o meu cliente xa sabía que a situación era irreversible. Parece contraditorio co feito de que entón achegase 15 millóns de euros para tentar salvala, e, ademais, non hai documentación nin evidencia dixital que mostre que soubese antes do 28 de febreiro do alcance da débeda", esgrimiu. De acordo coa súa tese, Sousa perdeu para sempre máis de 9 millóns con esta "inxección" de capital, o que demostraría que non era consciente da magnitude da crise que se aveciñaba de forma inminente.

Ademais, sinalou ao entón máximo responsable de Pescanova como o que acabou "canalizando a salvación" da empresa e evitou que entrase en liquidación ao impulsar a solicitude de concurso de acredores. O avogado incidiu en que De Sousa non tentou maquillar as contas como se lle acusa, e apuntou a que en realidade o que si cometeu a firma foron erros ao apostar por prácticas contables que eran equivocadas e que acabaron por provocar que houbese unha débeda de máis de 3.500 millóns de euros sen aflorar.

Na súa alocución, destacou a responsabilidade no ocorrido dos auditores de BDO, incapaces de detectar "semellante desfasamento". Tamén cargou contra a CNMV por levantar a suspensión ás accións de Pescanova entre o 4 e o 12 de marzo a pesar de que a propia empresa xa revelara ao mercado que non aprobara as súas contas de 2012, que existían dúbidas sobre a continuidade da compañía e mesmo recomendaba ao regulador motu proprio que lle excluíse de cotización temporalmente.

De acordo coa súa reconstrución dos feitos, o emporio pesqueiro veuse abaixo debido á suma de dous factores: a necesidade de vender unha planta de acuicultura en Chile para recuperar liquidez e afrontar o vencemento dun crédito que expiraba naquelas datas.

"Se se vendese a instalación de Chile, non estariamos aquí", defendeu o letrado. 

Noticias web

24/06/2020