CRTVG

Buscar

A defensa do condenado polo crime de Ponte Caldelas acepta o asañamento, pero non aleivosía

Publicado o 02/06/2020 14:23

Na Coruña celebrouse esta mañá a vista de apelación polo coñecido como crime de Ponte Caldelas, en que un home fora asasinado en novembro de 2015 polo ex-compañeiro da súa muller

A defensa do condenado polo crime de Ponte Caldelas recorre a sentenza contra Marcos Vidal, porque considera que o ataque á vítima non foi sorpresivo e puido defenderse. Acepta o do asañamento pero non que fora con aleivosía.

Diego Reboredo, avogado da defensa: "Atestárono os forenses que declararon no plenario, e nós intentamos que esa agravante se deixe sen efecto e pedimos que a rebaixa da condena de dezaoito anos e seis meses quede en quice anos de prisión".

Na vista de apelación celebrada na sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia participou por videoconferencia Marcos Vidal desde o cárcere de Texeiro, onde permanece en réxime de preso preventivo. A sentenza da Audiencia de Pontevedra considera probado que en 2015 matou de diversas coiteladas o marido da muller coa que tivera unha relación. O avogado da familia da vítima pide que se manteña a agravante da aleivosía.

Andrés Malvar Pintos, avogado da familia do asasinado, Manuel Rivas di que "os signos de defensa son mínimos nos dedos, tendo en conta a cantidade de coiteladas que recibiu a vítima trátase do movemento innato de defensa e para afastarse. Neste caso a superioridade, o abuso de poder e a sorpresa entendemos que está acreditada e que non se discute. E entendemos que a sentenza niso débese manter".

A defensa da familia e a fiscalía solicitan un aumento da condena ata vinte anos e un día de prisíón ao considerar que a atenuante por dilacións indebidas non é de aplicación no caso.

 

Noticias web

02/06/2020