A defensa do condenado polo crime de Cabana de Bergantiños solicita unha revisión da sentenza
Hoxe celebrouse a vista de apelación do caso coñecido como crime de Cabana. O condenado o pasado mes de xuño a 26 anos de cadea e 10 de liberdade vixiada por matar a tiros a súa exmuller busca unha revisión da sentenza.
A defensa acaba de solicitar a nulidade do xuízo que condenou a Julián Gil Pose polo asasinato da súa muller Ana Belén Varela ou, no seu defecto, a redución da condena imposta a 15 anos de prisión por homicidio.
No seu escrito, a defensa argumenta que o home non actuou nin de forma premeditada nin con aleivosía. Mantén, ademais, que na setenza da Audiencia Provincial non se tiveron en conta atenuantes como o arrebato ou a embriaguez do home.
Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular, explicou que "o que a defensa pretende é anular a sentenza, porque entende que non está debidamente motivada, que o xurado non xustificou a condena. E senón, rebaixar a condena a quince anos de prisión. Piden que se retiren as agravantes e que se recoñezan as atenuantes da defensa. Este é en esencia o recurso".
"Nós, como acusación particular, o que defendemos é que a sentenza está exemplarmente motivada, que o xurado por unanimidade estimou todas as nosas pretensións e as do fiscal e, polo tanto; que non ten base o recurso. O fiscal mantén a mesma posición que a acusación particular ou a acusación particular mantén a mesma posición que o fiscal; é dicir, sostén que a sentenza é impecable e que todo o que se estimou probado, estaba probado. É dicir, que era un matrimonio e que actuou intentando dominar a vítima e que estaba en pleno uso das súas facultades", engadiu Manuel Ferreiro.