A defensa do condenado polo crime da rozadoira anuncia recurso contra a sentenza
A defensa de José Luis Viéitez Alonso, condenado a 17 anos de prisión polo coñecido como crime da rozadoira, na Cañiza, recorrerá contra a sentenza. Para a avogada, o ditame emitido pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra non aplicou as rebaixas na pena acreditadas no xuízo e recoñecidas polo veredicto.
Viéitez está condenado a 17 anos. 13 polo asasinato consumado do seu veciño e 4 polo intento de homicidio da filla da vítima. Pero a avogada da defensa considera que a pena non é proporcionada. Vai recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apoiándose no veredicto do xurado en que se considera que o agora condenado actuou coas súas facultades parcialmente afectadas polo medo.
O xurado destacou que Viéitez ten "un coeficiente intelectual límite" e que estivo a tratamento psicolóxico e psiquiátrico por trastorno ansioso depresivo. Xa a Audiencia aplicou unha eximente incompleta ao considerar que sufría unha limitación parcial das capacidades psíquicas. A avogada, Isabel Teijeira, considera que o tribunal só reduciu a pena nun grao e non en dous, como reclama a defensa, ademais de impoñer a condena de prisión dentro da metade superior e non inferior como reclama.
O recurso ten como obxectivo unha rebaixa na pena xa que nas súas conclusións pedía cinco anos de reclusión nun centro psiquiátrico. O fiscal do caso considera a pena de prisión proporcionada polo que sinala que non é probable que recorra.