CRTVG

Buscar

A defensa de Fernández Liñares recorrerá a sentenza ante do Supremo

Publicado o 11/03/2021 12:06
A defensa de Fernández Liñares recorrerá a sentenza ante do Supremo

O avogado Evaristo Nogueira, responsable da defensa do que fora presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Fernández Liñares, confirmou a súa intención de recorrer a sentenza que condena o seu cliente a cinco anos de cárcere por delitos continuados de prevaricación e suborno.

O letrado confirma que "logo dunha lectura pormenorizada da sentenza", que se fixo pública este mércores, "hai motivos" para presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O veredicto da Audiencia Provincial de Lugo imponlle, ademais dos cinco anos de prisión, vinte de inhabilitación para desenvolver cargo ou emprego público e unha multa de 7.200 euros. O tribunal considera probado que amañou, con oito empresarios condenados polos mesmos delitos, contratos de obras a cambio de subornos.