CRTVG

Buscar

A DANA obriga a evacuar un cento de persoas en Murcia

Publicado o 03/12/2019 16:00

As riadas provocadas polas fortes chuvias caídas desde a tarde e a noite deste martes volvéronse cebar na zona do mar Menor, en Murcia. Os accesos á localidade dos Alcázares están cortados e hai zonas ás que é imposible chegar por mor da auga e da morea de barro e refugallos que arrasaron as infraestruturas urbanas. Os responsables municipais declararon o nivel 2 de emerxencias por inundacións e xa evacuaron máis dun cento de persoas das zonas máis afectadas. Nesta localidade e na de San Javier rexistráronse máis de cen litros por metro cadrado en tres horas.

Esta zona de Murcia xa foi das máis afectadas na forte DANA de setembro. Agora non se agardan niveis tan altos de auga e vento como daquela e tampouco está previsto que sexa tan persistente. As previsións apuntan a que hoxe seguirá descargando nesta área de Murcia e no sur da Comunidade Valenciana, que seguen en aviso laranxa por vento e chuvia e mar bravo. A gota fría irase desprazando cara ao norte e mañá o peor estará na zona de Valencia, Castellón, Cataluña e as Baleares.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019