CRTVG

Buscar

A curva da quinta onda comeza a descender en Galicia: Sanidade estuda os primeiros alivios

Publicado o 02/08/2021 14:01

Temos hoxe 154 casos activos menos ca onte. Así que é xa a terceira xornada de descenso despois dun mes de xullo de constantes repuntas. O pico da quinta onda podería superarse esta mesma semana e Sanidade amósase optimista, pero mantén as cautelas porque a incidencia acumulada a sete días está aínda un pouquiño por riba da media estatal. Descenden os casos, pero increméntanse as hospitalizacións.

A maioría dos casos graves son de pacientes non vacinados, pero tamén hai persoas que mesmo tiñan a dobre pauta, e iso é porque non temos aínda inmunidade de rabaño. Un horizonte, o da inmunidade de grupo, que a variante delta sitúa agora no 90 por cento da poboación vacinada.

O pico da quinta onda podería superarse esta mesma semana. Seremos das últimas comunidades en experimentar ese descenso porque tamén fomos a última en comezar a sufrir os seus efectos. Pero os datos comezan a ser alentadores. Estamos hoxe na terceira xornada en que o balance entre contaxios e altas fai descender os casos activos e parece que a curva da pandemia empeza a achairarse.

Xosé Flores, xerente do Sergas: "O número de casos activos está descendendo, o balance entre as altas e o número de casos novos está en negativo, cousa que non ocorría desde case practicamente todo o mes de xullo". Así, o pico máximo da quinta onda podería superarse nesta primeira semana de agosto. Na rúa atopamos unha maioría de cidadáns cautos e resignados a seguir remando, porque a vacina protexe en máis dun 95 %, pero a inmunidade total terá que esperar a unha cifra de vacinados maior.

Con esta situación de lixeira melloría, o comité de mañá podería facer chegar, tamén con cautela, as primeiras medidas de alivio.

Xosé Flores, xerente do Sergas: "Manter as medidas ou mesmo desescalalas en función da situación que estamos a ver nos últimos días".

Noticias web

02/08/2021