CRTVG

Buscar

A CUP esíxelle por carta a Puigdemont que proclame xa a república catalá

Publicado o 13/10/2017 09:19

Mentres, entre as filas do independentismo segue o debate sobre a resposta que debe dar o President Puigdemont. E hai presións nas dúas direccións.

Algúns partidos, sectores e entidades presionan para que se siga adiante coa declaración de independencia e interpretan como unha trampa a oferta de reforma constitucional. Para outros, a solución podería pasar pola negociación e mesmo por convocar anticipadamente eleccións autonómicas.

A CUP pediu, nunha carta dirixida a Carles Puigdemont, que proclame a República catalá antes de que o Goberno aplique o artigo 155 da Constitución, ao considerar que o seu requirimento ao presidente supón "unha ameaza" e non hai visos que prospere unha mediación internacional.     

"Se pretenden seguir aplicando, agora xa con requisitos formais cumprimentados, as previsións do artigo 155 da Constitución española e nos queren seguir ameazando e amordazando, que o fagan coa república xa proclamada", indica o partido antisistema na súa misiva.     

A CUP, que dá por pechada "a esperanza nesta mediación internacional", asegura que "quedar inmóbiles ante as súas ameazas, as súas negacións e a súa autoridade non nos permitirá existir como pobo".     

Entende que o pasado día 10 de outubro "perdemos unha oportunidade", cando o presidente catalán indicou no Parlamentque asumía o "mandato do pobo" para que "Cataluña se converta nun estado independente en forma de república" e, acto seguido, propuxo "suspender os efectos da declaración de independencia" para abrir a porta ao diálogo. "Só proclamando a república seremos capaces de situarnos como un actor disposto a tutelar os dereitos civís e políticos da poboación aínda gravemente ameazados".

No Goberno catalán ninguén concreta cal será a resposta do presidente Puigdemont ao primeiro requirimento de Rajoy. O debate está aberto. Están, por un lado, os que se senten moi molestos pola freada do pasado martes e lle piden ao presidente da Generalitat que levante xa a suspensión e siga adiante coa declaración de independencia. Esta posición é maioritaria nas CUP, que onte, por boca de Benet Salellas, negaban calquera tipo de acordo sobre prazos con ERC e fiaban a súa saída do Parlamento á decisión que se tome no seu próximo Consello político. Organizacións como Endavant esixen unha proclamación da república na rúa e consideran unha trampa a oferta de reforma da Constitución, que segundo eles, "só perpetuaría a dependencia de España dos países cataláns".

Na parte máis proclive a que Puigdemont lle conteste a Rajoy que non houbo declaración de independencia están numerosos deputados do PdeCAT, como Jordi Xuclá, que pensa que o diálogo e a tranquilidade son a mellor opción. Para Xuclá está claro que Puigdemont non declarou a independencia, e asegura que "o 1-O foi un erro de Rajoy, por non permitir unha saída á escocesa".

Moitos dos antigos converxentes ven dificultades insalvables para a independencia rápida pola fuga de empresas ou, por exemplo, pola falta de control e competencias nas fronteiras.

Neste contexto, moitos medios atribúen ao vicepresidente Oriol Junqueras un deliberado perfil baixo, ante a expectativa de que un adianto das eleccións autonómicas puidera beneficiar a Esquerra Republicana. A conselleira de Traballo insiste en que si houbo declaración de independencia, pero apelou ao diálogo.

O requirimento de Rajoy non gustou tampouco na ANC, que lle pide a Puigdemont que levante a suspensión no Parlamento. Desde Òmnium Cultural non descartan convocar novas xornadas de folga xeral.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2017