CRTVG

Buscar

A Cruz Vermella anima os cidadáns a axudar os anciáns que viven sós este Nadal

Publicado o 20/12/2020 15:26

Hai moitas maneiras de axudar e acompañar os maiores que viven sós. Desde a Cruz Vermella fan un traballo moi importante para paliar os efectos desa soidade, e este Nadal animan os cidadáns a botar unha man aos anciáns que viven sós, sexa un veciño, un familiar... Xestos simples como unha chamada telefónica, escoitalos e preguntar se precisan algo pódeos axudar moito.Este vai ser un Nadal moi diferente, pero non tanto para aquelas persoas que xa viven durante todo o ano en soidade.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, máis de dous millóns de persoas maiores de 65 anos viven soas en España, unhas 128.000 están en Galicia e o 75 por cento delas son mulleres. Esta soidade acrécentase máis coa pandemia e as restricións. Desde a Cruz Vermella intentan axudalos.
Loreto Somoza, coordinadora de programas de maiores e inclusión da Cruz Vermella en Galicia: "Eles dinnos que a saúde é moi importante pero que participar e relacionarse tamén o é. A desescalada para eles non foi tanto volver á Cruz Vermella como relacionarse entre eles, uns van á casa dos outros, explícanse como usar o teléfono móbil, o ordenador..."

A Organización Mundial da Saúde alerta de que a soidade é un factor determinante á hora de aumentar a deterioración física e psíquica dos nosos maiores. Os anciáns socialmente illados sofren máis tristeza, angustia e depresión.
Que podemos facer entón para axudalos nestas datas?
Loreto Somoza, coordinadora de programas de maiores e inclusión da Cruz Vermella en Galicia: "Ofrecerse a axudalos por se necesitan algo para a cea do Nadal, ofrecerlles chamalos por teléfono, darlles información sobre as medidas de confinamento, do que está a pasar agora, sobre como vai ser a vacina. Cando a información vén de preto para eles é moi boa, a información máis próxima agradécena moito"
E é que xestos simples como unha chamada telefónica a un veciño ou familiar maior que vive só, escoitalos e preguntar se precisan algo pode ser de grande axuda.

Noticias web

20/12/2020