CRTVG

Buscar

A CRTVG propón un debate a seis convidando as forzas políticas de acordo coa normativa electoral

Publicado o 05/03/2020 12:16
A CRTVG propón un debate a seis convidando as forzas políticas de acordo coa normativa electoral

A CRTVG convida ao debate electoral do vindeiro luns 23 de marzo as seis formacións políticas que legalmente deben de estar representadas segundo os parámetros que marcan a LOREG e as instrucións da Xunta Electoral Central. 

Os candidatos e candidatas do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Galicia en Común (GEC), Ciudadanos (Cs) e Vox nestes comicios poderán confrontar nos medios públicos as súas posicións sobre temas de máximo interese para a cidadanía. Os líderes políticos debaterán sobre a situación económica xeral, a evolución do emprego nos sectores máis relevantes da comunidade e as políticas de benestar. Tamén confrontarán sobre as súas propostas de gobernanza e modelo institucional no contexto actual.

O debate estará moderado pola redactora xefa de Informativos de Televisión de Galicia, Marta Darriba, e polo xefe de Informativos da Radio Galega, Alejandro López Carballeira. Celebrarase en horario de máxima audiencia, a partir das 21.30 h, e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega o os medios dixitais da Corporación.

A CRTVG empregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel. O último debate organizado pola CRTVG no contexto das eleccións autonómicas de 2016 chegou a ser contactado por case medio millón de espectadores. O debate será accesible en lingua de signos. Ademais, facilitarase o sinal do evento a todos os medios interesados na súa difusión.