CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A CRTVG inclúe dúas pequenas animacións de obras de María Victoria Moreno na programación especial da Semana das Letras

Publicado o 09/05/2018 15:30


'A festa no faiado' é unha das obras escollidas este ano para crear as dúas pezas de animación que nos achegan ao mundo literario de María Victoria Moreno. Estas pequenas creacións forman parte da programación especial da Televisión de Galicia para a Semana das Letras Galegas.

"Entón abrín os ollos e atopei diante miña un gato moi fermoso... Como te chamas? - Gato!..."
Así recrea a produtora coruñesa Algarabía Animación os protagonistas da 'Festa no faiado', unha das obras creadas por María Victoria Moreno para o público infantil.

O outra obra elixida pola Consellería de Cultura para crear a segunda animación de 20 segundos que se insertará tamén nas emisións da Televisión de Galicia durante a Semana das Letras é 'Anagnórise', a coñecida novela xuvenil da autora homenaxeada este ano.
"- Por que 'Anagnórise'? - Busca o significado da palabra no dicionario e deixa que pase o tempo..., xa verás"

"Xa nos anos 70 ela contemplaba a necesidade de materiais, libros dedicados especificamente a esas franxas de idade", remarca Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura.

A figura de María Victoria Moreno, non será a única destacada na programación especial da próxima semana na Televisión de Galicia... "Imos estrear a primeira biografía audiovisual sobre Rosalía, que é un fito que temos que destacar nos medios públicos galegos", di Rosa Vilas, directora adxunta da CRTVG.

Toda esta programación estará accesible tamén na plataforma dixital da CRTVG onde haberá unha canle especifica con contidos e ligazóns de interese sobre María Victoria Moreno.