CRTVG

Buscar

A CRTVG celebra os 35 anos da lei que supuxo a creación dos medios públicos

Publicado o 13/07/2019 14:02

Falemos de tempo:

"E rematamos xa o avance informativo coas noticias do tempo", dicía Gayoso nun dos primeiros boletíns desta casa. Tempo de andarmos con papeis para ler Galicia. Tempo nacido naquel xullo de 1984 do que agora se acaban de facer 35 anos, o aniversario da aprobación no Parlamento da Lei de creación da Radio Televisión de Galicia.

Foi a semente dunha compañía que hoxe é corporación, a semente dun medio de comunicación público que ferveu cos vellos barullos do oficio ata abrirse hoxe aos horizontes deste século de pouco bolígrafo. Atrás quedan aqueles modais herdados do xornalismo en branco e negro, cando o fume axudaba a pensar. Aquela época de andar rebobinando cintas converteuse en madurez tecnolóxica despois da dixitalización desta casa. Un salto culminado co comezo da emisión da TVG en HD.

Tanto cambiou o G de Galicia dende aquela primeira emisión no ano 85. "Señoras e señores, moi boas tardes. A Televisión de Galicia ten a ledicia de presentarlles a primeira programación da súa historia", así saúdaba aos espectadores Dolores Bouzón cando a TVG comezou a emitir.

E hoxe, tantos anos despois, a Televisión de Galicia ten a ledicia de agradecerlles, señoras e señores, a súa crecente fidelidade. Porque o Estudo Xeral de Medios confirma o liderado absoluto desta canle na nosa comunidade e consolida a Radio Galega como un referente con máis de 130.000 oíntes diarios e traballo en movemento. O mellor agasallo para estas décadas de servizo público.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/07/2019