CRTVG

Buscar

A crise sanitaria golpea con dureza o sector cultural galego

Publicado o 17/06/2020 12:06

O impacto da crise derivada da pandemia da COVID-19 será maior no sector da cultura ca noutros sectores produtivos, segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega.

A Conxuntura estatística do ámbito cultural cuantifica o impacto da crise nas seguintes cifras:

• 667 empresas que empregan 4.019 persoas do sector cultural (o 28,7 %) solicitaron un ERTE.

• Perda de 1.002 cotizantes, o que supón unha caída do 6,3 %, 2,1 puntos máis que a media do emprego en Galicia.

• A creación artística e os espectáculos levaron a peor parte, cunha caída do 10,4 %, seguidas do cine, o vídeo e os programas de televisión, gravación de son e edición musical.

• No mes de abril reduciuse un 84,5 % a creación de empresas do ámbito cultural.

• A exportación descendeu de maneira máis acusada no sector cultural (un 39,4 % de baixada) que no conxunto de exportacións totais (23,9 % de caída).

Cara ao futuro, o informe non prevé unha melloría inmediata. As principais estimacións son as seguintes:

• Só o 57,8 % dos fogares galegos prevé que poderá saír cear, a cafeterías, ao cinema e ao teatro no próximos tres meses (5,5 % menos ca no trimestre anterior e a cifra máis baixa dos últimos dous anos.

O Observatorio conclúe que se pode afirmar que "dentro da cultura haberá un impacto similar ao do conxunto da economía nas actividades de edición e nas cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, e un impacto máis grave ca o conxunto da economía para as actividades artísticas e de espectáculos".