CRTVG

Buscar

A crise sanitaria obriga a enlazar mareas na pesca de grande altura

Publicado o 22/04/2020 18:08

O problema é común para toda a frota galega que descarga en terceiros países, porque un tras outro foron pechando as fronteiras. Os que chegan ao Perú, Cabo Verde ou Namibia poden descargar o peixe, pero nin saír do país, nin que entren os que lles ían dar a remuda.

"A opción é seguir traballando. Amarrar os barcos neses portos sería unha alternativa se houbese posibilidade de repatriar os tripulantes, pero neste momento iso é imposible. Hai que pedirlles aos tripulantes outra marea máis"

"De momento, serían catro ou cinco meses, poderá chegar a sete, oito ou nove. Esperemos que non teñan que pasar de aí"

Iso os que están traballando, porque a outros o peche colleunos no dique. Neste de Chimbote, no Perú, pararon o 15 de marzo, e alí quedaron confinados tripulantes e técnicos dun espadeiro de Vigo.

"Somos 17 persoas convivindo a bordo, e desexando que isto remate para poder retomar as tarefas de pesca e regresar a España o antes posible, aínda que sabemos que polo momento vai ser difícil"

Asociacións, armadoras e administracións buscan vías para traelos de volta, pero hoxe por hoxe a maior esperanza é que pase axiña a crise sanitaria e levanten as restricións.
 

Noticias web

22/04/2020