CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A crise reduce o número de consultas aos veterinarios

Publicado o 17/03/2014 20:49

A crise inflúe nas visitas das mascotas ao veterinario. Á mala situación económica dos donos únese a subida do IVE para as consultas, que pasou dun 10 a un 21%.
"É caro, supón mínimo cada vez que vés 40 ou 50 euros, pero en fin, cando tes unha mascota é con todas as consecuencias". "Ata que non hai un problema grave, non é coma antes, que se ía cada "tanto" tempo para unha revisión rutinaria". "A crise afecta porque ao gastar unha pasta cos cans non hai para outras cousas".

A Asociación de Veteriarios Especialistas en Pequenos Animais deu a voz de alarma avisando do risco de deixar de vacinar e tomar medidas preventivas, que suporía a reaparición de enfermidades xa controladas ou erradicadas. "Desde unha mala desparasitación, unha mala vacinación, despois iso pode conlevar máis gastos económicos ata esperar ata o último momento cando a enfermidade está moito máis avanzada".

Descoidar a saúde das mascotas pode ter consecuencias tanto para elas coma para as persoas.
"Eu o outro día aínda tiven que levar a esta porque se está poñendo mala e os cans xúntanse e a verdade é que se poñen enfermos". "Se empezamos a escatimar en desparasitación interna, externa e vacinación obviamente o risco de zoonose, enfermidade que se pode transmitir do animal ás persoas, é meirande".

Aínda que como mínimo é necesaria unha revisión anual, o habitual é que sexa trimestral. Aínda que implican un desembolso, a medio e longo prazo supoñen un aforro en gastos, xa que preveñen enfermidaes cuxo tratamento posterior será máis custoso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

17/03/2014