A crise dos microchips que ten paralizada a automoción trasládase aos concesionarios
A crise mundial pola escaseza de compoñentes eléctricos para fabricar coches chega xa aos concesionarios. Os paros na produción están a provocar que non se atopen determinados modelos nos puntos de venda.
A vaga expansiva desta crise tecnolóxica que mantén paralizada a produción en gran parte das fábricas a nivel mundial afecta aos concesionarios e xa comeza a haber atrasos na chegada de determinados modelos.
Temen que isto poida disuadir a intención de compra dos clientes, o que tería un grande impacto nas vendas, nun momento en que o sector tenta recuperarse dos malos datos do primeiro trimestre do ano. Os prazos de espera alónganse ata sete meses para os clientes que queren mercar un vehículo.
Comeza a faltar produto para a demanda nos concesionarios. Polo momento tranquiliza o volume de vehículos en stock co que contan a maioría das marcas.
Coa maior parte da produción mundial paralizada pola falta de semicondutores, temen un forte impacto nas vendas na campaña de verán.
A crise chega cando o sector intentaba recuperarse logo de caer un 40 por cento nos primeiros meses do ano.