A covid persistente produce síntomas como cansazo ou dor de cabeza meses despois da infección
Que efectos a longo prazo deixa a covid-19 no organismo das persoas que a padeceron? Os síntomas son diversos, dor de cabeza, perdas de memoria ou dores musculares están entre os máis frecuentes. Pero a secuela da que máis se queixan os pacientes é esa sensación de cansazo.
Así o explica María Dolores Díaz, da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHOU: "A máis importante e a máis frecuente de todos é o cansazo, o que nós chamamos astenia, é case o síntoma que está presente na maior parte dos pacientes con covid persistente. O principal sobre todo é a fatiga física e a intolerancia ao exercicio".
Está considerado dentro do normal que estas pegadas da enfermidade persistan durante catro ou seis meses. Pero hai quen padece estas secuelas mesmo un ano despois. Polo momento non existe un tratamento nin un fármaco eficaz contra a chamada covid persistente.
María Dolores Díaz asegura: "Sábense mecanismos que poden producir esta doenza, pero descoñécese boa parte deles. Sabemos que os exercicios de rehabilitación e fisioterapia axudan neste cansazo pero un tratamento que digamos: 'teño estes síntomas, tomo isto e vou curar', de momento, isto non existe. Neste caso a pandemia, a infección, vai por diante da ciencia".
Xeralmente a covid persistente é a manifestación dun sistema inmunitario que aínda loita contra o virus. Afecta máis as mulleres entre os 40 e os 55 anos. En xente nova é moito menos frecuente, pero tras os contaxios que se están producindo nos últimos meses estanse vendo casos nas consultas en menores de 20 anos.