CRTVG

Buscar

A covid cambioulle a vida a Isabel: "Eu non son a mesma que antes de contaxiarme"

Publicado o 27/11/2020 16:22

Con 44 anos, Isabel era unha muller sa e moi activa, sufrir a covid cambioulle a vida, ata regar lle supón un esforzo enorme.

"De repente acábaseche a enerxía, e non é "a ver se boto un pouco máis", non, é "xa tes que parar". É como que non es capaz de encher o peito todo o que queres de aire e teño unhas dores a nivel neurolóxico que non se sabe moi ben por que, teño dor nunha perna como se tivese unha dor ciática e non é unha ciática, o brazo dereito aínda non recuperei a forza", conta Isabel Quintana.

O que máis a inquieta agora son as secuelas psicolóxicas.

"É como se de repente me volvera menos intelixente do que era antes, é un pouco esa sensación, a de perder capacidades e destrezas que eu antes tiña e cousas que antes facía automaticamente, agora necesito pensalas e razonalas. É cansazo emocional, é non saber o que me pasa, non saber se van aparecer ou non novos síntomas".

Isabel é enfermeira no Complexo Hospitalario de Ourense. Infectouse ao principio da pandemia, e malia que pasou a covid de xeito leve, leva nove meses de baixa. Vive na incerteza, ten medo a non recuperar a súa normalidade nunca.

"Supúñase que en dúas, tres semanas, ías estar ben, que isto pasaba como una gripe, que si tiñas a mala sorte de acabar na UCI, si, pero que se eras unha persoa que tiña síntomas leves enseguida ías incorporarte outra vez a traballar. E o peor é se vou volver ser eu, unha das cousas que ten a covid persistente é que tes a sensación de que non es ti, eu non son a mesma Isabel que era no mes de marzo a nivel físico, non me dá o corpo para moitas cousas, pero é que a miña cabeza tamén cambiou", engade.

Noticias web

27/11/2020